ANXOS RODRÍGUEZ

A súa carta de setas silvestres converte ao mesón O Puxigo nas Pontes en referente non só na comarca, senón en toda Galicia. A súa cociñeira, Anxos Rodríguez, leva tres décadas tralos fogóns do mesón pontés. No outono e na primavera as protagonistas na súa cociña son as setas: “só cociñamos setas silvestres dende outubro a xaneiro, máis ou menos, e tamén na primavera. Os pratos dependen da seta que teñamos en cada momento. Sempre hai máis cantidade de boletus e de níscalo. Por exemplo, neste momento hai pouca lepiota e ningún coprinus”, explica Anxos.

“As setas son moi versátiles”, apunta a cociñeira, “son fáciles de cociñar. Só teñen un problema, hai que cociñalas no momento, non se poden cociñar con antelación e iso fai máis complicada a súa elaboración”, explica.

Comezou a cociñalas na casa, experimentando e probando, a medida que o seu marido, Pepe Guerreiro, as recollía no monte. Así foi como saíu o xeado de coprinus, un éxito na carta de sobremesas da súa cociña. “Os postres fágoos sobre todo en novembro porque o xeado é de cantarelus e de coprinus que son as setas máis tenras”, explica, “tamén fago flan de setas, tarta de boletus, panna cotta con cantarelus… os postres gustan moito”.
En revolto, á prancha, rebozadas, guisadas… e tamén en empanada, con pescado, con carnes e con marisco. Unha amplísima variedade de opcións que converten ao mesón O Puxigo nun punto de visita obrigado para os amantes dos cogomelos: “ven moita xente de fóra, doutros puntos de Galicia, porque queren comer pratos de setas soamente. Moitos restaurantes ofrecen as setas como guarnición, pero nós facémolas tamén soas, como prato único”, apunta Anxos.