EFRÉN LEGASPI

 

En recunchos ben dispares e distintos do mundo atopamos a moitos veciños e veciñas do noso entorno. Non queremos perder a oportunidade de conversar con eles e que nos acheguen un anaco do seu día a día. É o caso do antropólogo Efrén Legaspi (As Pontes, 1981). Vive en Horcón, unha pequena vila de pescadores, no litoral central de Chile. Alí chegou despois de ser redactor de ciencia e I+D, colaborar coma investigador na universidade sobre temas migratorios, marchar cunha beca a Portugal, Suecia, Caracas, Timor Leste… e pasar tamén por distintos traballos en Galicia. A Chile chegou para traballar coa Fundación Superación Pobreza, primeiro no sur e agora no litoral central do país.

– Cóntanos en que estás traballando agora
– Traballamos en conxunto co Ministerio de Vivenda nun programa piloto. Dámoslle duro ós temas de urbanismo, participación cidadá e posta en valor do patrimonio. Na práctica tradúcese en mellora de espazos públicos, infraestrutura de saneamento, subsidios de vivenda social, arquitectura vernácula, deseño participativo… toda pedra que se mova moverase co acordo dos veciños. Intenta potenciarse a comunidade auto-reflexiva e con mecanismos de decisión, canda menos nos temas urbanos.

– Por que decides marchar a Chile? E cando?
– Migrar ten unha parte de necesidade colectiva, pero non todo é economía. Indo de Nova York a Bos Aires Castelao preguntábase por “cales son as necesidades de emigrar? Abondaría comer ben e durmir sen pesadelos para dar asento ás nosas arelas de ver mundo?” Suxería despois, que lle preguntásemos aos catorce mariñeiros galegos que tripulaban o navío.

Sobre o cando… decidín marchar en canto me saíu un traballo interesante. Tería que facer as contas, pero seguro que era inverno. En Galicia a decisión de marchar sempre se toma no inverno.

– E que é o que máis botas en falta das Pontes?
– Boto en falta a miña nai, o meu pai, a miña irmá, os sobriños, os primos e tíos tod@s, a miña avoa que non lle puiden ir ao enterro… a Jenaro, Pili, Rus, Pouso, Romalde, Lito, Tapy, Pígal, Marquiños, Gonzalo, Morandeira, Sesé…. todo un listado de bípedos.

-E aquilo que máis valoras do sitio onde vives agora?
– O peixe é sempre fresco e hai mariscos que nunca comera.

– Que lugar non podemos perdernos se imos a Chile?
– Dixo Nicanor Parra que Chile non é un país; Chile é unha paisaxe. Se buscades divindade ide á Cordilleira dos Andes. Se buscades a obra humana e os seus fermosos defectos, ide a Valparaíso.

– E unha comida que debamos probar?
– No meu gusto non son por aquí moi virtuoso mesturando cousas na cazola. O que si que hai é bo produto se o vas buscar ou o podes pagalo. O merkén é un condimento moi bo -iría ben para poñelo no pulpo á feira-. Tamén aprendín os múltiples usos da palta. En canto á comida coma ritual, é destacable o gusto por tirar cachos de carne na parrilla para festexar calquera cousa.

– Cal é o teu lugar favorito en Galicia?
– San Andrés de Teixido.

– Pensas en volver?
– Ameazo con…

– Cales son os teus planes a curto ou medio prazo?
– A curto prazo baixar máis á praia, a ver que cousas trouxo o temporal. A medio prazo debería axudar a construír 130 vivendas, un paseo costeiro, un museo da pesca artesanal, rede de saneamento, praza da Capela de Santa Ana, acompañar aos veciños e veciñas decidindo cómo facelo, lidiar coa burocracia… facerme rico ou coller vacacións vai quedar para o longo prazo!!!!