BRAIS G. ROUCO

 

Despois dunha experiencia “máxica” nun cuarto de revelado con tan só sete anos, o vilalbés Brais G. Rouco quedou “prendado da fotografía”. “Con dez anos, meu pai deume permiso para fedellar coas súas cámaras”, recorda, ”tiña unha Mamiya de 35mm, que conservo con moito cariño, e outra de VHS que usaba para gravar os partidos de fútbol sala. Para min eran, e seguen sendo, os mellores xoguetes que había na casa”. Non pensaba daquela en dedicarse á fotografía social e musical: “supoño que a vida me foi levando ata aquí”, conta, “na casa sempre estivemos interesados en todo o que ten que ver coa cultura. Meu pai era un melómano e tanto el como miña nai e meu irmán, sempre estiveron implicados en temas de ámbito social. Que eu acabara tocando estes temas é o normal, ademais de polos tempos que lle tocou vivir á miña xeración. O da cámara é a escusa perfecta para vivilo en primeira persoa”, engade Brais.

É fotoperiodista. Combina a súa paixón pola fotografía e o vídeo coa música. Hai dez anos decidiu formarse en fotografía, iluminación e vídeo na Escola de Imaxe e Son de Vigo. Tras rematar, marchou a Madrid “decidido a ser operador de cámara en filmes”, explica. Despois de traballar en distintos proxectos, a crise fixo que volvera á casa e posteriormente decidise retomar os estudos en Barcelona. Alí cursou o Postgrado de Fotoperiodismo na Universidade Autónoma: “vivín os días do 15M en Madrid coa miña cámara nas mans e o de converterme en fotoperiodista non me parecía mala idea. Facer ficción era xenial, pero retratar a realidade case é mellor, ás veces…”, conta. “En Barcelona cubrín varias manifestacións, conflitos laborais, eleccións, reportaxes de todo tipo, entrevistas… e ademais a fotografía musical”. Publicou no Periódico, Vice, Diagonal e colaborou coa revista cultural Blisstopic. En Barcelona, fíxose ademais socio da Cooperativa Directa: “un medio de comunicación dixital. Publicamos unha revista quincenal coas reportaxes de investigación e entrevistas, temos presenza en Catalunya, Valencia e Baleares. Agora sigo pero como correspondente en Londres”, explica. “Gústame compaxinar o fotoperiodismo e a fotografía musical”, apunta Brais, “porque a música non doe, e hai que manter un equilibrio, se non a realidade pódete queimar”.

Hoxe instalado en Londres, Brais traballa nun estudo de fotografía: “fago books para unha axencia de modelos e extras de televisión e cine. Xente que se pon por primeira vez diante dunha cámara, modelos semiprofesionais, nenos e bebes… moitos bebes. Non é algo que me interese en especial, pero axúdame co inglés e págame as facturas. Os cartos os gaño coa cámara, cousa que no estado español é unha quimera hoxe en día”, apunta. Para Brais, vivir en España da fotografía é case misión imposible: “noutros países, a priori semellantes, a figura de fotógrafo está considerada coma unha profesión, coma un autor, dependendo do ámbito no que se traballe, e respéctase ademais de valorarse. En España definitivamente, non”, explica. Aínda que volve a Vilalba en canto pode, recoñece que a situación non lle permite volver e instalarse de novo en Galicia: “a familia, os amigos, o meu fogar, está en Vilalba, pero volver no sentido de establecerme outra vez… non. Moito terían que cambiar as cousas”, engade.

Vivir, é o mellor deste traballo

Os lugares, as persoas e as situacións é o que máis lle atrae da súa profesión. “Cada día, ou no mesmo día incluso, podes estar en diferentes situacións. Tanto boas como malas, mundanas ou transcendentes, con xente famosa e poderosa ou cun lumpen, máis toda a variedade que hai no medio. Vivir, é o mellor deste traballo”, explica.

O cine é unha das súas fontes de inspiración. Tamén o é a música e a “actitude punk”. “Directores coma Kubrick, Tarantino, Coppolla, Scorsese, Kitano, a poesía visual de Kurosawa… Fotógrafos coma Cristina Garcia Rodero, Willian Klein, Pep Bonet, Anton Corbijn…”, explica o fotógrafo vilalbés, pero tamén “mestres e amigos que me marcaron coma Carrasco, Anxos ou Maoxu no instituto de Vilalba, como Julio Puentes Regüi, Manuel G. Vicente, Walter Astrada, Jordi Vidal, Javier Rosa, Manel Esclusa, Pedro Cano… o tolo da rúa que che solta frases inconexas pero cheas de sabedoría”, engade Brais.

Lonxe de etiquetas e estilos, Brais recoñece que o máis importante á hora de facer fotografía é o “instinto”. Para el é fundamental “non pensar demasiado ao sacar as fotos, máis que en buscar a luz, encadrar e que consigas unha exposición correcta”, explica, “o momento de pensar e reflexionar ven despois á hora de editar un traballo e darlle sentido e estrutura para que o espectador o entenda, disfrute, se emocione ou o que sexa… e nisto último aínda teño moito que sachar”, conclúe.

Con varios proxectos en mente, sobre a fronteira sur de Europa e sobre os refuxiados de Oriente Medio, no norte de Grecia e Macedonia, busca o financiamento necesario para poder levalos a cabo. En paralelo, está traballando noutro proxecto sobre os emigrados en Inglaterra. Tampouco deixa de lado a fotografía musical, “gustaría adentrarme na industria inglesa”, apunta.