CASA PIÑEIRO · TURISMO RURAL

casa piñeiro

Casa Piñeiro: Turismo Rural

No corazón das Fragas do Eume, en Monfero, está Casa Piñeiro. Situada na aldea do Regueiro, en plena natureza, é unha casa con encanto, tanto pola paisaxe na que está integrada coma pola hospitalidade dos seus propietarios, Flor e Juan.

Rodeada polo parque natural esta casa rural rehabilitada está chea de historias. Da historia de Flor Piñeiro, a súa dona, e das historias de cada un dos seus hóspedes e viaxeiros. A casa foi construída hai más de 100 anos e nela naceu Flor e tamén o seu pai, Jesús Piñeiro. As circunstancias da vida fixeron que os pais de Flor marchasen Ás Neves, na Capela, cando ela e o seu irmán eran uns nenos.

Anos máis tarde, e despois de traballar toda a súa vida como costureira e de abrir un comercio en Miño, Flor decidiu restaurar a casa do seu pai, a que construíran os seus avós, e convertela nunha casa de turismo rural. “Quixen facer unha casa na que a xente se sinta como se estivese na súa propia”, explica Flor. Deixou a máquina de coser por un negocio no campo e comezou reconstruíndo a casa familiar, respectando a estrutura orixinal e buscando que a luz natural iluminase toda a vivenda. Conserva moitos elementos orixinarios como a pía de pedra que antigamente servía para a alimentación das vacas e recuperouse tamén o teito con vigas de madeira. Ademais a casa está chea de antigüidades. Cada recuncho ten un moble ou unha peza de decoración que Flor mercou e seleccionou con mimo para darlle o seu toque persoal. Mobles tallados a man, lámpadas, vaixelas, pezas de arte… e outras tantas restauradas por ela mesma.

Ademais de integrarse á perfección no espazo, a vivenda conta cun panel solar que subministra electricidade, unha horta ao carón da casa e todo tipo de árbores e plantas que dan cor aos exteriores. “É un sitio pensado para descansar e desconectar”, explica Flor. Casa Piñeiro dispón de cinco dormitorios e está habilitada para unhas doce persoas. Con amplas estancias como o salón e o comedor, con parque infantil no exterior e unha zona de barbacoa.

A Casa Piñeiro chegan cada ano visitantes galegos, doutros puntos de España e tamén de países europeos coma Holanda, Francia ou Italia. “Estou moi contenta porque a xente repite”, explica. Durante os nove anos que a casa leva recibindo hóspedes, Flor recorda que “non todo foi coser e cantar”. Aínda que os comezos foron difíciles é unha experiencia, para ela, moi “enriquecedora”. “Coñeces a moita xente e con algúns visitantes cheguei a ter unha relación de amizade”, lembra. Atenta e amable, Flor recibe cada tempada aos seus hóspedes cun sorriso e unha boa conversa. Mentres, os doces caseiros que ela elabora se van cocendo a lume lento no forno… Unha casa rural única nun entorno privilexiado, rodeado de sendas e rutas de sendeirismo que amosan a inmensidade do bosque atlántico no que está situada.

casa piñeiro