Escultor, fotógrafo e creador. Fran Herbello investiga e experimenta con diferentes técnicas para crear obras únicas, xogando cos elementos cotiás e dándolles un novo significado. Licenciouse en Belas Artes na Universidade de Vigo e foi entón cando descubriu a fotografía: “na facultade había unha materia optativa de fotografía e así foi como empecei a traballar, na parte de escultura tamén utilizaba a fotografía para documentar as cousas que facía”, explica Fran. Interesado no proceso escultórico, empregaba a fotografía como ferramenta de documentación, “pensaba as pezas escultóricas para ser fotografadas, había un diálogo entre foto e escultura”, engade.
Herbello considérase máis escultor que fotógrafo: “quizais o que máis me interese é a parte de procedemento, antes do resultado, toda esa parte previa, de investigación, gústame máis que o acabado”. Por iso Fran Herbello busca o aspecto máis práctico da fotografía: “utilizo a fotografía máis por practicidade, porque almacenar escultura é máis difícil e cando comecei a traballar con elementos efémeros necesitaba dalgunha maneira documentar esa acción sobre o corpo, as plantas, o que fora… que despois cambiaba. Facía a foto para captar esa instantánea”, conta.
“Nunca me considerei un fotógrafo de ollo, esa xente que ten ollo fotográfico, eu creo que non o teño, e fun collendo a habilidade a forza de machacar, non era algo que en principio me gustase moito”, explica, “a miña parte inicial era máis manual, facer cousas coa man, pintura, escultura…”. Asegura que se sente máis intérprete que espectador: “gústame estar máis no meollo e non velo dende fóra para analizar e tirar a foto”.
O rural e o cotián son fonte de inspiración para Herbello. “As ideas ás veces saen moito do entorno que te rodea e é interesante tirar de historias que son propias deste contexto e darlle unhas voltas para facelo un pouco máis actual”, explica “por exemplo, a cultura popular paréceme moi interesante, porque vivín no rural e as conversas, irónicas e frescas, son un referente. Igual que o é o día a día, vou pola rúa e vexo unha cousa que me chama a atención, que fai saltar unha idea que tiñas coxeando e dis mira! por aquí podería haber algo”, engade.
O proceso creativo de Fran Herbello comeza no seus cadernos. Conta que o primeiro que saen son bosquexos das súas ideas. Deses primeiros esbozos fai unha selección para comezar a traballar sobre cada un deles. “Logo elaboro as pezas que necesito, as historias, comezo a ver documentación para ver se é posible que funcione o proxecto que estou pensando e, desas ideas que poden funcionar, escollo as mellores e dedícome a traballar nelas”, explica. Así, a espontaneidade da fase inicial deixa paso a un elaborado proceso de maduración da idea, tanto na súa parte formal como na parte práctica.
Herbello compaxina a súa faceta de creador coa docencia. A inestabilidade do sector levouno de novo á universidade. “Me preocupaba a estabilidade económica porque vivir disto é unha carreira de fondo, hai que insistir e aguantar sobrevivindo. No meu caso tiven a oportunidade de presentarme a estas oposicións e saíu ben”, conta.
O sector está a vivir de preto a crise económica e xunto a ela, tamén o nacemento de novas alternativas: “sae moita xente da facultade cada ano que fai cousas interesantes, o que pasa é a falta de visibilidade”, explica. Ademais Herbello asegura que en Galicia o mercado é limitado: “hai moita xente a producir e pouco mercado aquí, polo menos neste recuncho. E, despois, a xente que compra aposta máis por cousas consagradas, como unha inversión, e non como gusto ou para apostar por xente emerxente”, apunta.
A finais do ano 2014 presentou xunto ao profesor Manuel Sendón o libro Mil Ríos, un balance fotográfico das expedicións que ambos realizaron polos ríos de Galicia, do Miño ao Eo. “Paralelamente traballo tamén facendo traballos portadísticos en Edicións Xerais e estou facendo probas con elementos da natureza, estou facendo parte escultórica con vexetais… no proceso de investigación, vendo cómo se comportan as plantas para ver se son capaz de controlar o acabado que eu quero”, explica.
A creación de novas pezas segue sendo o seu obxectivo: “agora quería sacar unha serie boa e coherente, con unidade, e pedir algún tipo de beca para poder pedir unha excedencia e dedicarme uns anos a producir”, comenta. Pero tamén contempla un plan alternativo: “se non sae iso, estarei un par de anos facendo cousas pouco a pouco e cando teña o tema da docencia máis dominado supoño que lle poderei dedicar máis tempo e sacar cousas así, con calma, pero sen parar”.
Os retos e os cambios son vitais para Herbello. Confesa que está buscando xa novas vías de traballo.