Camiño dos Faros
O Camiño dos Faros é un proxecto que naceu a finais do ano 2012 cando os seus creadores decidiron unir Malpica con Fisterra pola beira do mar. Atoparon, como eles xa agardaban, unha paisaxe a cada paso, e decidiron unir o camiño e darlle un sentido a esta ruta pola Costa da Morte. Son oito etapas de diferente dificultade que permiten descubrir cada unha das paraxes desta costa galega. 200 quilómetros mirando ao mar e coñecendo faros, praias, acantilados, bosques, estuarios, castros…
Os seus impulsores foron mellorando o trazado inicial e creando tramos novos. A Asociación Camiño dos Faros naceu un ano máis tarde, en decembro de 2013, co obxectivo de que o Camiño dos Faros exista e perviva no tempo e que o coñeza moita xente co máximo respecto á natureza.
Ademáis están a promocionar esta ruta en todos os ámbitos como un destino de natureza e sostible, concienciando e defendendo este tramo da Costa da Morte para que sempre estea libre de calquera especulación, facendo todo cunha filosofía de baixo custe, máxima eficiencia e máxima transparencia.
Na súa web ademáis de explicar cada unha das etapas teñen un directorio de información práctica, consellos e recomendacións para gozar desta ruta: caminodosfaros.com.
Quen é Traski?
Os trasnos son un grupo de amigos que un día pensaron que era posible unir Malpica con Fisterra por unha senda á beira do mar. Percorreron rutas xa existentes e outros camiños que ían unindo a Costa da Morte, creando unha ruta de sendeirismo espectacular.
Unha paisaxe en cada paso
*Fotografías de O Camiño dos Faros: caminodosfaros.com