CAN DE PALLEIRO · Raza autóctona galega

CAN DE PALLEIRO

Can de Palleiro. Raza autóctona galega

Con carácter. Intelixente. Protagonista de moitos contos e ditos populares. “É un can cun carácter similar aos galegos, un can desconfiado, que non debe confundirse con teimoso”, así o presenta o presidente do Club Raza Can de Palleiro, Ernesto Fernández. Comparte a súa orixe con cans de pastoreo como o pastor alemán, o pastor belga e os pastores de picardía, procedentes de Centro Europa, espallados pola Península Ibérica coas sucesivas migracións (celtas, godos, suevos…) e que se foron asentando por toda a cornixa cantábrica ata chegar a Galicia. Aquí deron lugar a diferentes razas e tralo paso do tempo e a propia selección natural, ben pola climatoloxía, ou polo propio traballo do can, foi derivando na raza que hoxe se coñece como Can de Palleiro.

“É un can de pastor, polivalente, que foi sempre utilizado como condutor do rabaño, na maioría dos casos de vacas, pero tamén se utilizaba para labores de garda na casa e mesmo de compañía”, explica Ernesto, “é un can de tamaño medio, que tira a alongado, de cabeza piramidal, coas orellas situadas enriba da cabeza e algo separadas e pode haber tres cores distintas: a amarela, a negra e a alobada”, engade. Ademais conta Ernesto que é un can “moi apegado aos seus donos, cun sentido da propiedade moi alto, sabe cales son as súas vacas, a súa eira, a súa casa, teno moi marcado e deféndeo”.

As súas características foron definidas pola Xunta de Galicia que comezou a recuperación da raza no ano 1999. Foi entón cando se estableceu o estándar da raza e se localizaron os primeiros exemplares. Xunto ao Can de Palleiro, estudáronse as outras tres razas autóctonas: o Perdigueiro, o Guicho e o Podengo. No ano 2002 nace o Club Raza Can de Palleiro e os outros tres clubs das razas galegas: “as outras tres razas foron extinguíndose pouco a pouco, foi decaendo a actividade dos clubs e o único que sobreviviu foi o Club Can de Palleiro”, explica o seu presidente.

DV

Na actualidade son arredor de 680 os cans rexistrados como Cans de Palleiro cun crecemento da raza que rolda o 25% cada ano

A primeira labor é a recuperación da raza e a promoción e difusión do Can de Palleiro como raza autóctona propia. Na actualidade son arredor de 680 os cans inscritos e explica Ernesto Fernández que o crecemento da raza rolda o 25% sobre o censo do  ano anterior. Ademais de dar a coñecer este can, dende o Club continúan coa prospección no campo para tratar de localizar novos exemplares e tamén organizan camadas “sempre en pureza racial”. Asisten a feiras por toda Galicia e buscan que a xente recoñeza o Can de Palleiro. Para elo soen organizar mostras das actividades do can: adestramento, rastrexo, traballos co gando… Aínda que a súa función orixinal é ser guía do rabaño, hai exemplares dedicados actualmente a outras moitas actividades: axudar a discapacitados, en terapias de axuda a persoas maiores, agility, como cans de salvamento para a procura de persoas en grandes áreas…

“Un can de palleiro NON é un can trapalleiro”. Con este dito Ernesto quere explicar cómo o Can de Palleiro está ligado ao propio carácter dos galegos: “non lle damos valor ao que temos na casa e imos buscar outras cousas similares a fóra”. Recorda que era un can moi estendido por toda Galicia e quedoulle o nome porque sempre durmía no palleiro. “Era un can moi apreciado no seu momento porque os sistemas de crianza do gando antigamente requirían o traballo dun can que axudase. Os sistemas foron cambiando e o can non se fixo tan necesario, quedaba na casa por non desfacerse del. Logo viñeron os tempos da emigración e cando a xente volvía traía o seu can, o pastor alemán, o pastor belga e outras razas que se foron cruzando co can autóctono que tiñamos aquí. Foi cando comezou a perderse a propia raza”, conta o presidente do Club.

Dende que comezaron coa recuperación a resposta da xente é moi positiva. “Sobre todo os maiores lembran os cans que tiñan na casa, para eles eran marabillosos e moitos queren volver a telos”, conta. Dende o Club tamén recordan que organizan camadas e poñen en contacto aos demandantes dos cans cos propietarios, garantindo a calidade da raza. “Dende a páxina web www.clubcandepalleiro.com pódense cubrir as solicitudes para poder conseguir un can da raza autóctona”, explica Ernesto. “Sempre dicimos que o cadelo cando se vai a recoller debe ser entregado vacinado, co microchip e desparasitado”, engade.