CÉSAR DAPENA · Canteiro

CÉSAR DAPENA CANTEIRO

César Dapena. Amañando séculos de historia

O canteiro pontés sobe cada día a 76 metros de altura para traballar no proxecto de rehabilitación da Catedral de Santiago de Compostela

É herdeiro dun oficio cheo de historia e simboloxía. Os seus avós foron canteiros e aínda que sempre quixo selo, César Dapena agardou ata os 29 anos para formarse na arte de traballar a pedra. “Traballaba entón en Endesa, na oficina técnica, e decidín pedir unha excedencia para estudar na Escola de Canteiros de Pontevedra”, recorda. “Era unha lideira que sempre andaba roldando e tomei a decisión hai xa 24 anos. Foi unha decisión madurada e cando se deron as condicións oportunas decidín dedicarme a isto, era algo que xa sentía dende había tempo”, conta César.

Comezou a súa actividade profesional como canteiro despois de formarse durante cinco anos na escola pontevedresa e no ano 2003 montou o seu taller nas Pontes: o taller de cantería e escultura Dpedra. Dende alí esculpiu pezas de cantería para casas e tamén esculturas e ornamentación, chemineas, cruceiros, fornos… É un artesán recoñecido e impartiu formación nas escolas-obradoiro da comarca.

César conta que vivir como canteiro para el é “unha sorte”: “poder traballar no que che gusta e que che paguen por iso”, explica. “Hai que moverse moito e demostrar continuamente a túa profesionalidade”, engade, “pero se o que fas o fas con profesionalidade e con criterio, é moi satisfactorio”.

César traballa a pedra conservando vivo un dos oficios máis antigos de Galicia

Traballa a mesma arte que traballaron os seus avós. “Cambiaron as ferramentas, pero o traballo é o mesmo. Agora son eléctricas e pneumáticas e antes era todo manual”, explica César. É necesario coñecer a pedra, saber mover as pedras e saber traballalas, mais este canteiro pontés asegura que “antes con menos facían cousas moito máis interesantes”. De feito, César traballa na actualidade en construcións que se levantaron hai xa máis de dous séculos en Compostela. No outono de 2013 deixou en pausa o seu taller para unirse ao equipo que traballa no proxecto de rehabilitación da Catedral de Santiago de Compostela. Agora, César Dapena traballa a pedra a golpe de cincel a 76 metros de altura. “Primeiro estiven na rehabilitación da Casa do Cabildo na praza de Praterías e agora estamos na torre norte da Catedral”, explica. Traballar nas alturas non é algo novo para el, que ademais de canteiro, é afeccionado á espeleoloxía.

A restauración da torre norte forma parte do proxecto de intervención en toda a fachada da Catedral de Santiago. “En principio seguiremos ata o ano que vén porque aquí hai moito que facer”, conta César. O proxecto de rehabilitación trata de respectar ao máximo a concepción e os materiais orixinais da catedral, permitindo frear a entrada de humidades no templo dende a fachada e solucionar os problemas de conservación en distintas alturas da torre.

Os visitantes da Catedral de Santiago poden a día de hoxe seguir estas obras de rehabilitación nas que traballa César e outros membros do equipo de canteiros, a través dun programa de visitas guiadas que permite subir aos andamios instalados na torre norte e contemplar a espectacular perspectiva do templo e da cidade compostelá.

César Dapena está a traballar, máis de douscentos anos despois, na reconstrución e rehabilitación da fachada que construíra o arquitecto da Capela Lucas Ferro Caaveiro, xunto a Clemente Fernández Sarela, en 1750. Anos máis tarde, Ferro Caaveiro encargaríase tamén da realización das obras da fachada da Azabachería.

Un traballo dende as alturas para recuperar parte do patrimonio cultural e histórico que garante ademais a continuidade deste oficio, o mesmo que fixo de Galicia un lugar máxico grazas ás construcións de pedra cargadas de simboloxía.

Artesanía ancestral

A comarca do Eume é terra de creadores e artesáns que traballan algúns dos oficios máis ancestrais de Galicia: cantaría, cerámica, madeira, cestaría… Tradición e historia que tratan de recuperar dende a Asociación de Artesáns do Eume. César Dapena é membro deste colectivo que xurdiu hai xa unha década para reunir ao sector artesanal do territorio e traballar baixo obxectivos comúns.

 DV