“Camiñar é saúde”. Así o conta Manuel Doce, o presidente do Club de Montaña Caxado, “é unha maneira de facer deporte e estar en contacto coa natureza”, engade. Hai máis dunha década que un grupo de amigos decidiu formar o Club de Montaña Caxado nas Pontes. Hoxe é un dos 80 clubs que dá forma á Federación Galega de Montañismo. Nos seus comezos o obxectivo era dar resposta a unha inquietude: a de compartir unha afección común. “A entidade nace enfocada á realización do montañismo, escalada, sendeirismo e btt, aínda que cunha maior afección ao sendeirismo por parte dos socios, sendo na actualidade a disciplina máis demandada”, explica Manuel. “Creamos tamén un grupo de socios e socias que participan na Copa Galega de Carreiras de Montaña”, conta, “actualmente o reto é crear un equipo de trail”. O Club de Montaña Caxado participa ademais na Copa Galega de Andainas de 50 quilómetros e moitos socios practican escalada: “sabemos que gusta moito, pero aquí non temos instalacións para practicala baixo teito, así que imos ao rocódromo de Ferrol ou á canteira do encoro de Goente, onde existen vías preparadas para poder practicar esta disciplina”, explica Manuel, “tamén organizamos unha vez ao ano unha saída cos colexios para que os nenos coñezan a escalada”.
Para o club pontés é fundamental transmitir a súa filosofía aos máis novos: “aínda que o club naceu da man dun grupo dedicado ao montañismo e escalada, agora existe unha ampla maioría dedicada ó sendeirismo”, asegura o presidente, “é unha actividade máis accesible a calquera público sen diferenza de idade”. Unha alternativa de ocio que se pode facer en familia: “é unha das poucas actividades que se pode facer xuntos, avós, fillos e netos e con fins saudables”, apunta Manuel. No seu afán por divulgar as súas actividades o club organiza xornadas de iniciación á orientación no Forgoselo para os nenos, ademais de saídas puntuais con Aspanaes en rutas de 2 ou 3 quilómetros.
Dende o Club de Montaña Caxado poñen en marcha máis dunha trintena de rutas anuais por todo o territorio galego. Asegura o seu presidente que un dos seus fins é, precisamente, amosar o medio natural e patrimonial que nos rodea e buscar novas rutas nas que o club estuda e asesora ás administracións e entidades competentes neste eido.
O Club de Montaña Caxado nace enfocado á realización do montañismo, escalada, sendeirismo e btt
Tamén apunta que é fundamental ir adaptándose ás necesidades dos seus 190 socios: “queremos atender as demandas dos socios, consolidar as carreiras de montaña, tanto trail como mini trail, dar apoio aos federados en btt e, por suposto, dar a coñecer as actividades, para que participe máis xente e así amosar os beneficios da realización de actividade física na natureza”, explica o presidente.
Saír a camiñar polo monte pasou de ser unha afección dos amantes da natureza a un
deporte en constante crecemento cada día con máis seguidores
Cada verán o Club de Montaña Caxado organiza a Travesía das Fragas do Alto Eume que transcorre pola ruta sinalizada PR-G147 do concello das Pontes. “O 3 de xullo será a oitava edición e sempre contamos cunha gran participación”, explica Manuel “a ruta pode facerse camiñando ou correndo, e os últimos tres quilómetros en canoa polo encoro da Ribeira”. Dende o club cren que As Pontes é un concello rico en rutas e paraxes únicas, polo que están pendentes de poder sinalizar novas rutas no territorio. Asegura Manuel que en Galicia cóntanse 215 rutas para practicar sendeirismo, “aínda que limpas e ben coidadas soamente hai unha decena. Custa moito mantelas en perfectas condicións”.