EDUARDO PENABAD

Unha das catro gotas que compoñían nos seus comezos o proxecto 4gotas atmosfera & océano xunto a Beatriz Hervella, Carlos F. Balseiro e Pablo Carracedo foi Eduardo Penabad. Séntese “coruñés asantiagado” xa que naceu e viviu na Coruña a primeira metade da súa vida e en Santiago naceron os seus fillos e viviu ata hai pouco tempo. Moitos dos recordos da súa infancia están nas Pontes: “son fillo e neto de ponteses, e As Pontes tamén é unha referencia vital para min, especialmente da miña infancia, as fins de semana, os freixós na pedra, a cea de Noiteboa, beber auga cunha folla de verza no Chamoselo, ou coller cágados onde a ponte romana…”, recorda.

Confesa non ter tido unha vocación polo mundo da meteoroloxía dende pequeno, pero si sentir admiración pola ciencia, as matemáticas e a natureza: “o que si teño é a sensación de ir tendo a sorte de dedicarme ás cousas que me gustan e que me divirte facer: a traballar con datos, números e gráficas sobre o que pasa na atmosfera, a salir pola tele a contarlle o tempo á xente, a programar ferramentas que a xente poida usar para usar eses datos, números e gráficas sobre o tempo”, explica Eduardo.

Tras rematar COU decatouse de que se divertía coa Física e recorda pensar en estudar Enxeñaría Aeronáutica, pero finalmente estudou Física na Universidade de Santiago. “Os últimos anos da carreira intereseime pola física atmosférica e ao rematar entrei no Grupo de Física Non Lineal da USC, comecei traballando en modelización da contaminación atmosférica e iso levoume a pasar dous anos traballando in situ no departamento de medioambiente da central das Pontes”, conta.

No ano 2002 entrou a formar parte do departamento de Predición Numérica en Meteogalicia onde traballou a maior parte da súa vida profesional. “Pero á fame da crise xuntáronselle as gañas de comer da mala xestión e en 2011 fun despedido irregularmente, aínda que a Xustiza obrigou á Xunta a readmitirme dous anos despois”, explica Eduardo, “nese paréntese tiven a sorte de recibir a chamada de Mónica López para reforzar o equipo de El Tiempo de TVE”. Tamén durante ese tempo formou parte do equipo de 4gotas: “tiven a honra de axudar a parir algo que se non existise había que inventalo”, conta, “estes últimos foron tempos de reinventarse un pouco, de aprender e de facer cousas novas, pero ao final, aínda que non tivera estudado aeronáutica acabei igualmente traballando “nas nubes”.

En varias etapas distintas entre os anos 2007 e 2010 foi “home do tempo” tanto na TVG como en TVE: “tiven esa sorte, a de saír nos informativos da tele pública galega contándolle o tempo á xente. Esa experiencia serviu para que contasen comigo despois no Canal 24H de TVE”.

Este 2015 decidiu coller as maletas xunto á súa familia e presentarse a unha praza no Institute for Environmental Analytics, “un centro ben interesante que acaba de botar a andar o Departamento de Meteoroloxía da Universidade de Reading, cerquiña de Londres”, conta Eduardo. “Aquí estou, dende xullo, no departamento universitario de meteoroloxía máis grande de Europa e un dos máis renomeados do mundo, traballando, iso si, nunha parte máis técnica e menos científica, de desenvolvemento de software para amosar ao mundo da industria e a administración o potencial dos traballos académicos deste e doutros departamentos universitarios”, apunta.

Ao mesmo tempo de presentarse a esa praza tamén solicitou a súa entrada no ECMWF, o Centro Europeo de Predición Meteorolóxica a Medio Prazo que tamén está en Reading. “Hai ben pouquiño me acaban de comunicar que me colleron para traballar con eles na área de predición estacional do Copernicus Climate Change Service da Unión Europea, así que en novembro comezarei a traballar no que seguramente sexa o centro máis prestixioso a nivel mundial no eido da modelización numérica da atmosfera. Para min un soño, un luxazo, vamos, unha auténtica sorte!”, explica Eduardo.

Séntese afortunado de vivir todas as súas experiencias profesionais e, despois de facer este percorrido pola súa traxectoria, auguramos un futuro cheo de éxitos.

t.