Natureza. Xogo libre. Aprendizaxe. Son as máximas que guían ás Escolas Bosque. Ofrecer unha alternativa ao modelo educativo actual para os nenos de dous a seis anos. Hai un ano abriron as súas portas as escolas Nenea en Lugo e Amadahi en Oleiros. Proxectos educativos cunha filosofía de aprendizaxe innovadora e cun modelo de educación que leva anos estendéndose por Europa. Concretamente a partir da década dos anos 50 do século pasado, cando se crea a primeira escola infantil ao aire libre en Dinamarca. Hoxe cóntanse alí case 300 escolas bosque. A partir de 1968 é cando se comezan a espallar por Alemaña, onde na actualidade superan o millar. Mais a orixe desde modelo está en Estados Unidos e é a partir dos anos 20 cando se rexistra a creación das primeiras escolas bosque modernas.
Inmersas na natureza, sen presas, sen actividades dirixidas… coa aula no propio bosque e os nenos marcando cada un o seu propio ritmo. Trátase de proxectos que cren nunha educación diferente.
En Galicia existen dúas Escolas Bosque, proxectos educativos inmersos na natureza
Nenea é a suma das palabras nenos, natureza e arte. “Pretende ser un proxecto educativo baseado no respecto á autonomía e ós diversos ritmos de desenvolvemento desde a equidade de xénero”, explica a fundadora de Nenea, Bibiana Marful. “O noso modelo pedagóxico comparte aqueles lugares comúns que atravesan todas as experiencias educativas que admiramos (Escolas na Natureza, Reggio Emilia, Montessori, Waldorf…) recollendo de todas elas o respecto á sabedoría propia da infancia, o seu potencial creador e o seu desexo de conquistar e entender o mundo con autonomía”, apunta. Xunto a Bibiana, Sofía Otero e Zaika Álvarez puxeron en marcha Nenea como “un espazo común de desenvolvemento persoal, tanto de nenas e nenos como de familias e educadoras”. O ritmo desta escola márcao a natureza: “os nosos días son igual de variados que o clima de Lugo”, comenta Bibiana, “o grupo é heteroxéneo, polo que nenos e nenas de dous a seis anos conviven coas súas diferencias persoais, aprenden os pequenos dos maiores e os maiores dos pequenos. Respectamos os ritmos individuais”.
Os días nesta escola situada en San Xoán do Alto, a escasos 10 quilómetros da cidade de Lugo, comezan sobre 9.30h da mañá. Despois dunha conversa coas familias comeza o xogo libre, primeiro no espazo interior e despois no exterior. As reunións do grupo son unha constante en Nenea: “o grupo ten moita importancia é momento de plantexar inquedanzas, peticións, contar historias, sempre desde o respecto tamén ao silencio. As educadoras plantexamos un obradoiro, arte con pedras, modelado de barro, ioga, pintura, construción… no que poden participar os que queren”, explica Bibiana. A comida servirana sobre 13.30h e despois de xantar hai tempo para o xogo e tamén para o descanso. Ás 15h despídense entre un conto ou unha cantiga e reciben de novo ás familias sobre ás 15.30h.
Escoitar, investigar, imaxinar, trepar, bailar, decidir, pensar, crear, cultivar, xogar…
e conectar coa natureza é o lema de Amadahi e Nenea
Case o mesmo esquema seguen na escola Amadahi. Ademais de compartir filosofía e inquedanzas Nenea y Amadahi tecen tamén redes entre elas.
Amadahi significa bosque da auga e a escola está situada nun entorno único na costa de Dexo en Oleiros. É un espazo de educación creativa que nace do corazón de Paz Gonçalves, Silvia Pereira e María Mayorga. Os nenos en Amadahi investigan, descobren, deciden… cada xornada, comeza cunha ruta: “facemos unha ruta enerxética de quince minutos, ben polo bosque, a praia, o muíño… temos moitas posibilidades, conta Paz, a directora, “antes do almorzo temos un momento de grupo para lavar as mans, charlar, poñer e adornar a mesa…”. Despois do xantar, “sempre elaborado con produtos ecolóxicos, estacionais e de quilómetro cero” hai momento para o xogo libre. “Creemos que o xogo libre é o camiño da aprendizaxe, os nenos crean o seu xogo, os seus materiais e as súas normas”, apunta Paz. Desde Amadahi consideran a natureza como un educador máis da súa escola: “a natureza é arte e bríndanos uns materiais e unhas posibilidades como ningún outro espazo”. Ao equipo de Amadahi gústalle crear comunidade, formar unha tribu, de igual maneira que ás educadoras e impulsoras de Nenea. Nas dúas escolas bosque organizan de forma periódica actividades en familia para compartir coñecementos, experiencias e gozar da natureza.
Pese a existir alternativas ás tradicionais escolas infantís como os centros Waldorf, as escolas Montessori o as Nais de Día, algunhas escolas homologadas, grupos de xogo e outros proxectos centrados en pedagoxías similares, en Galicia tan só existen por agora estas dúas escolas inmersas plenamente na natureza. As iniciativas de educación alternativa son unha realidade e en España cóntanse uns 500 proxectos no último ano, todas elas dando resposta a unha crecente demanda do cambio no sistema educativo.