GRUPO NOVE · Gastronomía

yayo daporta

Gastronomía: Grupo Nove

Cociña de vangarda made in Galicia

Vinte cociñeiros poñen en valor a despensa galega nun grupo pioneiro e único, convertido en referente gastronómico

Para modernizar e reinventar a cociña galega. Para crear marca única. Para apostar por una cociña contemporánea, de vangarda. Con estas premisas nace hai xa máis dunha década o Grupo Nove. Hoxe, vinte cociñeiros galegos que comprenderon mellor que ninguén que a unión fai a forza.

Ademais de ser artistas culinarios e compartir paixón, comparten xeración. Os fundadores do Grupo Nove formáronse nas aulas da Escola de Hostalería Lamas de Abade e no Centro Superior de Hostalería de Galicia. O seu presidente, Miguel Ángel Campos, recorda que coincidiron a raíz da publicación dun libro editado por fascículos na prensa. Este reencontro marcou os inicios do grupo. “Primeiro decidimos repartir as tarxetas de cada un dos restaurantes no resto, pero complicábase o feito de ter nove tarxetas diferentes. Máis tarde decidimos crear o primeiro tarxetón do Grupo Nove cos nove restaurantes”, explica Miguel Ángel. Foi a primeira das accións de publicidade interna que conseguiu que todos gañasen visibilidade.

Este primeiro paso levou a que no 2003 formasen a Asociación Nove Grupo Gastronómico. Nove cociñeiros galegos que decidiron apostar polos produtos autóctonos nas súas cociñas e compartir, xunto a experiencias e coñecementos, a amizade que xa os unía. Querían poñer en valor a cociña galega e, con estilos e cociñas diferentes, conseguiron dar uniformidade ao grupo e integrar novos cociñeiros cada ano.

Na última década medrou o colectivo e tamén o fixo o sector da gastronomía, en parte impulsado pola presenza cada vez maior da cociña nos programas de televisión. Cóntanos Miguel Ángel que o sector mudou moito na última década e “o cociñeiro agora ten máis peso na sociedade”. Ver cociña en televisión está máis de moda ca nunca. A arte culinaria gañou peso nas pantallas e con ela tanto o sector coma os cociñeiros conseguiron saír fóra das súas cociñas e facerse máis visibles. Sobre todo grazas aos programas e concursos de cociña. O exemplo está no exitoso programa Top Chef onde tamén estará presente o Grupo Nove da man dun dos seus integrantes: o cociñeiro Yayo Daporta. O cambadés, un dos cociñeiros máis novos con Estrela Michelín,  será un dos tres xuíces da segunda edición do concurso que poderemos ver nas pantallas este outono.

Yayo Daporta rexenta dende o ano 2005 o restaurante do mesmo nome en Cambados. É un dos oito cociñeiros do Grupo Nove con  Estrela Michelín. Xunto a el comparten distintivo de calidade Xoán Crujeiras e Beatriz Sotelo do Restaurante A Estación, Rafael Centeno do Resturante Maruja Limón, Javier Olleros de Culler de Pau, Pepe Solla de Casa Solla, Alberto González Prelcic de Restaurante Silabario, Xosé Torres de Pepe Vieira Camiño da Serpe e Manuel Costiña de O Retiro da Costiña.

Son, ademais, a envexa no resto do Estado e tamén a nivel internacional. Porque forman un grupo pioneiro en Galicia e, tanto a relación que manteñen entre eles como a forza que os une, é admirado con celo por outros cociñeiros xa recoñecidos no panorama internacional. “O que existe en Galicia non existe noutro lado. Contamos con 8 Estrelas Michelín, somos recoñecidos dentro e fóra do país e levámonos xenial”, conta Miguel Ángel.

O Grupo Nove xorde nun momento no que a gastronomía galega quentaba motores para vivir o seu gran boom. Hoxe xa son vinte e un os cociñeiros que o integran, todos eles propietarios de restaurantes con marcada personalidade. Cóntanos o seu presidente, propietario e cociñeiro do Restaurante A Gabeira en Valón (Ferrol), que cada ano incorporan un ou dous novos integrantes seguindo a mesma premisa: “ten que ser un cociñeiro propietario e estar apadriñado por dous membros do grupo”, explica Miguel Ángel, “logo hai un proceso de valoración e pasado un ano decídese a súa entrada, é un xeito de apoiar aos novos cociñeiros”, engade.

A cociña tradicional máis vangardista

Unha década de traballo e experiencia converteunos en referencia en toda Galicia e agora os restaurantes de Nove están nas catro provincias galegas. O punto de unión entre todos eles atópase no produto. “Todos empregamos nas nosas cociñas produtos de proximidade, producidos ou recollidos nun radio de 20 ou 30 quilómetros de cada restaurante, sen esquecer tampouco outros produtos de fora como o aceite, as trufas, o chocolate…”, explica Miguel Ángel. Con materia prima extraída da terra e do mar galegos cada un dos cociñeiros ten un estilo e unha cociña única. Conta Miguel Ángel que para todos eles é fundamental traballar con produtos de calidade e de temporada.

Falamos de gastronomía, compartimos técnicas e compartimos clientes   Miguel A. Campos

Colaboran no grupo, pero ademais axúdanse uns aos outros no que se refire a técnicas culinarias. “Compartimos técnicas, facemos probas e tamén compartimos clientes”, explica Miguel Ángel. Non se ven a si mesmos como rivais senón coma compañeiros nunha aposta común: dar a coñecer a cociña galega máis vangardista e contemporánea e, con ela, tamén a rica e variada despensa galega.

A autenticidade de cada un deles únese aos obxectivos que buscan como grupo: “nos nosos restaurantes ofrecemos boa cociña, pero ademais bo servizo, calidade humana do equipo e todo isto nas mellores instalacións”, asegura Miguel Ángel.

 

Nove e A Nova Cociña Galega

No décimo aniversario da formación deste colectivo decidiron editar Nove e A Nova Cociña Galega. Cociñeiros, paisaxes e produtos. Este “broche de ouro” da década do grupo contén en máis de 200 páxinas os ingredientes básicos para describir a evolución de Nove e o momento actual que vive o sector en Galicia. Un libro para gozar coa arte da cociña combinada con produtos únicos.Os vinte e un cociñeiros amósannos un produto 100% galego, un produtor, dúas receitas e unha paisaxe, impregnando a cociña de sabores galegos. No libro podemos ver unha parte da historia máis recente da gastronomía galega. Cociñeiros que crean a súa cociña sen esquecerse das orixes e da tradición galegas.

Dende o restaurante ferrolán A Gabeira o cociñeiro Miguel Ángel Campos reflicte á perfección a esencia deste grupo. É a cuarta xeración da familia e continúa á fronte deste restaurante histórico que iniciou a súa andaina en 1923. Case un século de historia convertido xa en referencia. Miguel Ángel medrou entre os fogóns e dende o ano 1995 dirixe o restaurante. Repasamos con el a evolución do sector nos últimos anos e asegura que “o mercado abriuse moito”. “O cociñeiro é hoxe máis respectado que hai anos e cada vez chegamos a máis clientes que buscan boa cociña”, explica. O chef ferrolán mira cara ao futuro con optimismo, “seguiremos apoiando a xente nova e buscando afianzarnos como grupo no mercado”, engade.

Porque máis aló das modas e das tendencias do sector, o Grupo Nove é un grupo de cociñeiros cargado de ilusión, con moitas gañas de traballar e sobre todo, con altas doses de creatividade nas súas cociñas. Nove segue sendo, dez anos despois da súa creación, un grupo auténtico, único e innovador.

 grupo_nove_03