Moldea no seu torno cada peza de madeira para buscar figuras únicas e diferentes. Julio Guntín medrou rodeado de labras en Vilalba. É a terceira xeración dentro dunha familia de carpinteiros. Ese é o motivo para que, despois de xubilarse, continúe dedicando o seu tempo a labrar a madeira. Unha afección coa pasa as horas no seu taller, buscando sempre novas formas e novas ideas.
Traballou de ebanista e carpinteiro e os últimos 15 anos da súa vida laboral dedicounos á carpintería metálica. “Cando me xubilei botei dous anos sen facer nada, pero pronto me entrou o formigo”, conta Julio. Foi ao ver traballar aos torneiros no encontro que se celebra cada ano en Xermade cando comezou a interesarse polo torneado: “alí en Xermade vin cómo facían unhas pezas e gustáronme e así comecei nisto”, explica. Un pasatempo para traballar coas mans, pero tamén coa mente. “Foi máis ben por pasar o tempo e non estar sen pensar en nada, gústame estar sempre pensando”, engade Julio. Máis dunha década despois da súa visita como espectador ao encontro de torneiros, Julio converteuse nun dos gañadores da primeira edición do Premio Contornos, xunto ao pontés Fernando Vérez. O galardón xurdiu no X Encontro de Torneiros, un espazo para a divulgación da artesanía galega e do torneado artesanal da madeira.
No seu taller de Vilalba, Julio pensa as pezas para logo traballalas no torno: “cando vexo unha peza nunha revista ou en calquera outro sitio, grávoa cos ollos primeiro e despois vai á mente, e a ver se sae… de momento van saíndo todas”, di Julio. Traballa coas madeiras autóctonas: “algunhas veces compro para facer algúns detalles ébano ou outras madeiras, pero case sempre son madeiras de aquí”. Cóntanos Julio que primeiro selecciona as pezas de madeira axeitadas a cada creación e despois vai dándolles forma coas distintas ferramentas. Entende que todo artesán debe tamén saber facer os aparellos que precisa para levar a cabo as súas creacións: “non se pode comprar todo, hai que ir facendo as ferramentas adaptadas a cada traballo. Eu penso que todo obreiro ten que saber facer algo do que precisa”, explica Julio. “Os utensilios e trebellos para facer pezas vounos deseñando, preparei, por exemplo, para facer salomónico e espirais”, apunta. Xustamente atopamos a Julio pensando na súa seguinte labor: “trouxéronme agora unhas pezas dunha cadeira que vai con torneado salomónico e leva unha curvatura por atrás. Teño que pensar cómo amarrar as pezas, cómo está a inclinación do respaldo… e xa estou pensado e preparando o que preciso para poder facelo”, explica.
Fala da súa afección con paixón e recorda que era a mesma que tiña ao subir ao escenario hai anos. Porque ademais de torneiro e carpinteiro, Julio Guntín é músico. Primeiro no contrabaixo e máis tarde na batería, formou parte da orquestra Nova Lira de Vilalba: “estiven 24 anos dándolle á música, era un hobby para pasalo ben”. En escenarios de toda Galicia, Asturias, León e Pamplona a orquestra vilalbesa, na que tamén tocaban seus irmáns, estivo activa ata o ano 1986. Entón, explica Julio Guntín, “xa íamos tocar con canas e non nos gustaba nada subir aos palcos coas canas na cabeza”, recorda entre sorrisos.