O vilalbés Marcos Ladra leva unha década dedicado á talla de madeira. Despois de formarse en Talla de Madeira e Ebanistería Artística na Escola de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo axiña comezou a traballar en feiras e facer demostracións como artesán. Recorda que foi o mestre de Arte do instituto de Vilalba quen lle deu o empuxón para estudar o Bacharelato Artístico: “eu quería facer un ciclo medio de montaxe de moble en Lourenzá porque naquela época todos os que o facían entraban a traballar e para min xa era perfecto. Pero o profesor de Arte convenceu a meu pai para que fóra facer o Bacharelato Artístico a Burela. Fun, encantoume e seguín para adiante”, conta Marcos.
“Sempre me gustou moito debuxar”, confesa o artesán, “non era o mellor debuxante, pero sempre me gustou. Aparte na casa se me educou para saber un pouco de todo e tanto meu primo como a familia foron unha peza clave. Manexaba as ferramentas e tamén axudaba ao meu primo na carpintería metálica de aluminio”, apunta.
Tralos estudos entrou en contacto coa artesá Clara Naseiro: “as prácticas fíxenas con ela e despois fun a traballar durante un verán, no só no taller senón tamén en algunha que outra feira. Estiven dous veráns. Ela deixouno ao ser nai e eu comecei a facer feiras, a restaurar mobles, a tallar madeira e así levo 10 anos”, conta. “Cando rematei os estudos intentei entrar no Centro de Artesanía de Lugo, pero non o conseguín”, recorda. Foi no Nadal do ano 2013 cando asistiu á feira de Nadal da Deputación de Lugo: “púxenme a tallar alí fóra un cepo de 70 quilos durante os quince días de feira. Veume a directora do centro daquela, Regina Polín, e preguntoume se estaba no Centro de Artesanía e foi cando xa entrei de cabeza”, lembra Marcos. A raíz diso comezou a impartir cursos e facer demostracións en feiras, “saía a Asturias, aos centros galegos do País Vasco, e cheguei a facer preto de 50 feiras ao ano”.
O artesán formou parte do equipo que recuperou os retablos do santuario da Virxe da Barca en Muxía
Hai un ano comezou a traballar con Uxía Aguiar e xuntos formaron parte do equipo de traballo que desenvolveu as tarefas de recuperación dos retablos do santuario da Virxe da Barca en Muxía. “Hoxe son socio dela e facemos restauracións en todo tipo de soporte, en pedra, en metal, en pintura mural, en lenzo… restauración a gran escala de retablos, pinturas de igrexas, fachadas… e tamén a particulares, restauración e recuperación de mobles ou o que a xente nos traia”, explica.
Ademais dos traballos que levan a cabo nos dous talleres de Vilalba e Lugo, os dous socios que conforman Parteluz Estudio comezaron a pasada primavera a limpar a pedra do entorno do Pórtico da Gloria en Santiago e a contrafachada da Catedral: “antes de rematar fixemos unhas catas para ver se nas bóvedas do Pórtico había pinturas murais porque había varias capas de encalado e descubrimos pinturas murais. Agora no mes de novembro entramos outra vez a restaurar as bóvedas”, apunta Marcos, “ademais temos moita obra pequena. Temos obras no Mosteiro de Samos, en San Clodio de Leiro en Ourense, en Chantada con pinturas murais…”, engade.
Dende hai un ano realiza traballos de restauración coa súa socia Uxía Aguiar
Marcos Ladra lamenta a inestabilidade que leva consigo o traballar no mundo da arte, malia que confesa que o seu traballo como restaurador en Parteluz Estudio lle garante un certa seguridade: “Parteluz xa leva catro anos e hoxe en día xa ten un nome e un currículo e imos tendo obras seguidas”.
O seu traballo é para el “moi satisfactorio” e coa restauración está descubrindo novas técnicas que o levan a estar innovando e aprendendo cada día: “sempre fun especialista en madeira, pero agora ao meterme en pintura mural, pintura ao lenzo, na pedra… a verdade é que un traballo no que estás aprendendo seguido”.
Fotografía: Iria Pigueiras