MUSEO ETNOGRÁFICO DA CAPELA: Unha viaxe no tempo

museo etnográfico da capela

Museo Etnográfico da Capela: unha viaxe no tempo

O Museo Etnográfico da Capela pon en valor o patrimonio cultural do territorio botando unha ollada ao pasado. Un reflexo da forma de vida e de traballo dos nosos avós

Corría o ano 1981 cando dende o Colexio Mosteiro de Caaveiro da Capela decidiron comezar un proxecto que máis de tres décadas despois se converteu nun completo museo etnográfico que reúne máis de dúas mil pezas. Mestres e alumnos non sabían que o que comezara como unha exposición de libros e obxectos antigos, anos máis tarde se transformaría nunha colección única. Unha mostra que consegue deter o paso do tempo e poñer en valor o patrimonio cultural da comarca.

O Museo Etnográfico da Capela é único non só por recuperar parte da historia e reproducir fielmente o xeito de vida de hai case un século, senón por todo o que rodea a súa creación. Cóntanos Secundino García, director e un dos impulsores do Museo, que “o máis bonito foi que os nenos foran protagonistas ao se converteren en salvadores de vellos tesouros, á vez que os seus avós se sentían orgullosos ao ver que aquelas cousas súas cobraban importancia nas mans dos nenos ao pasar a ser nobres pezas de museo”, explica.

“Buscamos que este proxecto sexa sostible. O obxectivo é crear unha rede de museos”
Secundino García

Eran as orixes do actual Museo onde o 80% das pezas pertencían a familias e veciños da Capela. Doazóns, achegas e recordos foron enchendo as aulas e corredores do colexio, que axiña se foi quedando pequeno. No ano 2001 o centro de ensino, o Concello e o movemento asociativo da Capela crearon unha asociación co obxectivo de prolongar a experiencia que comezara no centro e recuperar -como recurso de identidade- o patrimonio etnográfico local e poñelo en valor como recurso de desenvolvemento local. Secundino García apunta que un dos obxectivos era que o proxecto fose sostible no conxunto do territorio. Buscan crear ademais unha rede de museos. Cada un xira ao redor dun centro de interese: a Casa do Pazo, o Parque etnográfico do Sesín e nun futuro a Escola.

A filosofía do Museo nace parella ao modo de ensino do centro educativo, baseado na cultura popular e nas tradicións. A Casa do Pazo, sede central do Museo, é a antiga Casa Rectoral da parroquia de Santiago da Capela, cedida á Asociación polo Arcebispado de Compostela. Hoxe a Casa do Pazo é o reflexo dunha casa típica dos anos corenta do pasado século. Unha aula viva, en constante crecemento, que nos amosa cómo era unha casa tradicional. O percorrido dende a cociña, o cuarto, a sala dos tecidos, os oficios da madeira, a labranza, a ferrería… permite que nos acheguemos ás formas de vida e de traballo de hai case un século. Unha cultura a piques de esquecerse.

A casa, situada no inicio do camiño medieval cara ás Fragas do Eume, foi restaurada grazas ao apoio e colaboración de entidades e institucións públicas e inaugurada no ano 2006. Dende entón recibe visitas tanto de grupos e escolares durante a semana coma de visitantes as fins de semana.

Xunto ao desenvolvemento do Museo, a Asociación do Padroado do Museo Etnográfico da Capela traballa para manter a cultura tradicional con numerosas actividades complementarias: etnosaídas e rutas, xornadas museísticas, Feira Etnográfica da comarca do Eume, o Premio de Investigación Ferro Caaveiro, a edicción da revista O Retorno … Porque ademais de recuperar parte do pasado, a asociación quere manter o museo vivo e participativo.

VISITAS Sábados e domingos de 12 a 14h e de 16.30 a 18.30h. Durante a semana con cita previa.

Onde está? Lugar do Pazo na Capela

www.museodacapela.org