REVISTA COOLT

 

Comprometidas. Fieis ás súas paixóns. Tamén ás súas ideas e principios. Así comezaron hai ano e medio o seu proxecto en común Cecilia e Cristina Fernández Santomé. Son vilalbesas e decidiron crear xuntas Coolt, unha revista de tendencias: “facemos a revista que a nós nos gustaría ler”, explica Cecilia. Algo que se percibe en cada unha das súas seccións e reportaxes.

As dúas irmás son filólogas. Cristina é profesora de Educación Secundaria e Cecilia traballa como experta en márketing dixital. Levaban tempo madurando a idea de poñer en marcha esta revista online e Coolt foi o proxecto ideal que mesturaba todas as súas paixóns. Porque tanto Cristina coma Cecilia non son novas no mundo dixital. Cada unha tiña experiencia previa con blogs propios sobre literatura e moda.

Son irmás. Son vilalbesas. Xuntas, Cecilia e Cristina crearon Coolt,
a única revista de tendencias escrita en galego

Coolt é a suma do termo anglosaxón cool e máis de cultura. O mesmo que intentan reflectir nas reportaxes e entrevistas que escriben. A novidade, a arte e as tendencias son os eixos temáticos deste proxecto editorial:  “queriamos trasladar á rede o formato da revista clásica, que fose unha revista profesional e en galego”, apuntan.

Cada primeiro de mes publican un novo número con contidos pensados “para un público maioritariamente feminino, de entre 20 e 45 anos, con mentalidade aberta, sen prexuízos lingüísticos, e consumidoras de información en galego”. Así definen as creadoras de Coolt o perfil das súas lectoras. A maioría residen en Galicia, pero tamén de galegas e galegos residentes noutros países do mundo.

Dende o primeiro momento pensaron en Coolt coma un proxecto “sólido e coherente”, non tanto coma un negocio, apunta Cecilia. Diríxense a un “nicho moi concreto”, pero non o consideran unha limitación. Antes de lanzar a revista elaboraron un plan de empresa e estudaron a fondo o uso de internet, pero “a realidade é ben distinta”, explican, “agora vemos cómo funciona o consumo dixital, cales son os hábitos reais e unha cousa son as expectativas e outra a realidade”. Polo de agora, non pensan en Coolt como un xeito de gañarse a vida, pero si agardan manterse no mercado e “continuar traballando como fixemos este último ano”, engaden.

Un proxecto que amosa creatividade e inspiración sobre moda,
literatura, benestar, tecnoloxía, viaxes, gastronomía, arte…

A creatividade e a orixinalidade son unha constante nas súas páxinas, cheas de inspiración. As tendencias son entendidas polas creadoras de Coolt como “creación artística”: “referímonos á moda e ás tendencias non como unha frivolidade e como consumismo rápido, senón coma arte, as tendencias sempre percibidas dentro dun ambiente creativo”. Con contidos pensados, traballados, programados e articulados en seccións que buscan mostrar “un produto equilibrado, fuxindo de localismos e amosando as tendencias globais”, explican as dúas irmáns.

Traballan sobre un calendario editorial no que elas son as dúas principais redactoras, pero tamén contan cunha rede de colaboradores e redactores puntuais que continúa aumentando en cada número. Desde as páxinas de Coolt, Cristina e Cecilia fálannos de moda, de literatura e propostas editoriais, de benestar, de tecnoloxía, de viaxes, de gastronomía, de arte…  e conversan cada mes con mulleres de diversos ámbitos: “consideramos que hai moitas mulleres facendo cousas interesantes e queremos darlles voz”, apuntan.

http://www.revistacoolt.es/